20.7.06


"Cando a Santa Compaña de inmortales galegos, que acaba de pasar por diante da nosa imaxinación, se perde espesura d-unha foresta lonxana, con esa mesma imaxinación veremos xurdir do Humos da terra-nai, da terra, da nosa terra, saturada de cinzas humáns, unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega.
Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a todal-as cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteita.
Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xerms incorruptibeis, da nosa futura hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa.
Esa infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.
Velahí o que eu quería dicir n-este Día de Galiza, en loubor da nosa Tradición, por riba da nosa Hestoria, a todo-los galegos que residen n-esta terra que para nós é a segunda patria. E nada máis, amigos e irmáns.
Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares."
(CASTELAO, discurso "Alba de Groria" - Bos Aires, 25 de xullo de 1948)
-
-
O Día Nacional de Galicia ten hoxe múltiples manifestacións. Ademais de ser a festa patronal da capital galega, Santiago de Compostela, aglutina unha das principais celebracións relixiosas e institucionais do país, e a pesar do paso do tempo, segue conservando un sabor reivindicativo de corte galeguista-nacionalista.

Como festa relixiosa, o Día do Apóstolo ten un protagonista indiscutible -Santiago- e un marco incomparable que é a Catedral, meta de peregrinos e que fai da cidade a Capital de Occidente.

É, precisamente, na Catedral de Santiago onde comezan os actos conmemorativos do Día de Galicia, primeiro co espectáculo pirotécnico do 24 pola noite e despois coa tradicional ofrenda ao Apóstolo o día 25, que inclúe o espectacular voo do botafumeiro. Un acto no que participan as principais autoridades do País Galego.

Unha tradición -a da Ofrenda ao Apóstolo- foi instaurada en 1643 cando Felipe IV estableceu unha ofrenda de mil ducados de ouro dedicados ao culto de Santiago o Maior na igrexa de Compostela: unha cantidade que debía pagarse cada 25 de xullo polos agravios infrinxidos.

E en ton de festa soan tamén as voces reivindicativas populares e políticas que ese día se reúnen en Santiago para recordar e actualizar o espírito de proclamas galeguistas-nacionalistas que anos atrás en 1920 iniciaron un colectivo de activistas agrupados nas coñecidas "Irmandades da Fala" e outras Sociedades Agrarias, procurando elevar e dignificar o sentir da Patria Galega.

Hoxe en día, tralo paso dos anos, as institucións (co Parlamento e a Xunta como primeiras manifestacións democráticas) tamén son protagonistas do Día de Galicia, organizando diversos actos, entre os que figura a entrega das Medallas de Galicia nas súas tres categorías de ouro, prata e bronce.

Como soñaban moitos, o 25 de Xullo é, pois, a Gran Festa do Pobo Galego.
-
-
O VOO DO BOTAFUMEIRO
Neste vídeo poderás observar o voo do famoso botafumeiro da Catedral de Santiago, que ocorre nas principais datas do ano, sobre todo, neste Día do Apóstolo Santiago.
-
-
E non deixes de ver estoutro vídeo onde se mostra os actos da medianoite do 24 ó 25 de xullo, coa queima da fachada da Catedal de Santiago, un dos principais actos que celebran a entrada no Día de Galicia. Ver Vídeo.

Posted by Publicado por Guille en 22:22
Categories: Etiquetas:

 

0 comentarios:

 
>