7.8.06


A Coruña, sobre dous mares (a ría e o Atlántico), aseméllase a Cádiz, unha liña branca de casas altas sobre o mar azul. O agradable da súa vida fai lembrar, de certo, algunha cidade mediterránea. Ten unha vida buliciosa, pero parece principalmente unha cidade de pracer. Pola noite séntese a maxia especial que proporciona un semicírculo de luces sobre a ría e a terra, e que ten como resposta outro semicírculo de casas altas e brancas, alumeadas polas lámpadas colocadas nas árbores. Os moitos cafés que están na ribeira do mar son todo luces, vidros e música. Os pesqueiros déixanse ver claramente na auga, que é en por si o reflexo de moitas luces. Unha multitude que procura o pracer, aínda que sexa soamente o de gozar as noites de verán neste clima delicioso, amoréase nos cafés e nos teatros ou nos paseos entre as árbores e os farois do Cantón Grande; toda a cidade está ateigada de alegría ata as primeiras horas da mañá.

Pero por riba da bulingueira parte baixa da cidade érguese a solitaria e máis severa Cidade Alta, coma unha vella viúva estantía que olla os rapaces a danzaren; aquí os urros das peixeiras ou dos vendedores de verdura devecen ata o silencio. Está separada da cidade nova por unha praza deserta e ampla, que ten unha magnífica vista do mar azul onde se deixan ver illotes redondos de rocha branca.

Un pouquiño máis alá están as orelas do Orzán, as areas de Raizor e a vella Torre de Hércules, que lles recorda aos cada vez máis numerosos habitantes da Coruña que a súa cidade é unha das máis vellas de España xa que a fundaron os Fenicios. A Cidade vella ten rúas estreitas de vellos nomes, como o da rúa da Zapatería, igrexas silenciosas e conventos de pedra: a bonita colexiata de Santa María, o convento das monxas de Santa Bárbara, no pórtico do cal está pintada a inscrición “El placer de morir sin pena vale bien la pena de vivir sin placer”; a inmensa igrexa de San Domingos e preto desta, o xardín de San Carlos (por riba das murallas vellas da vila), pequeno e tranquilo, sen o esplendor dos xardíns de Méndez Núñez na cidade baixa, pero cun encanto moi de seu, xa que acolle no centro a tumba de Sir John Moore. O progreso da Coruña está marcado polo espléndido edifico barroco do Concello, e polas facilidades que se poden obter na sala de lectura da biblioteca da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos.

A cidade ten unha importante vida intelectual. O presidente da Real Academia Galega, don Andrés Martínez Salazar, prestoulle grandes servizos á literatura e o editor do xornal más importante da Coruña, o señor Rodríguez González, é un dos poetas galegos mellor coñecidos. Aquí tamén se poder ver a don Manuel Murguía, o historiador e marido de Rosalía de Castro, que malia ter 87 anos (1920), camiña rufo do brazo da filla con chistera e gabán no día máis quente de agosto. A Coruña comprácese en agasallar non só a súa heroína do século XVI, María Fernández de Pita, senón tamén a súa celebrada filla do século XIX, dona Emilia Pardo Bazán.


Galicia Vista por un Inglés (1922)
por AUBREY FITZ GERALD BELL (Cumberland, 1881 - 1950)
Correspondente do Diario Inglés "Morning Post" en España e Portugal.

Posted by Publicado por Guille en 23:12
Categories: Etiquetas:

 

0 comentarios:

 
>